Vimianzo en negro contra a violencia de xénero

2 minutes read

Con motivo da conmemoración do 25N, o Concello de Vimianzo organiza a campaña NOVEMBRO EN NEGRO, que arrancou na pasada fin de semana coa obra teatral VALENTE E REBELDE, dirixida a todos os públicos, principalmente ao infantil. A área de Cultura encadra este mes outra obra teatral, ANATOMÍA DUNHA SEREA, que se poderá ver na Casa da Cultura o próximo sábado, 23/11/2019, ás 20:00 Horas.

Tamén forma parte desta programación un CURSO DE AUTODEFENSA PARA MULLERES ANTE SITUACIÓNS VIOLENTAS, que se imparte os días 18 e 25 no ximnasio municipal, e outro adicado á constitución e dinamización da MESA LOCAL de coordinación para o colectiv profesional especializado no tratamento dos casos de violencia de xénero a nivel municipal.

Negocios contra a violencia de xénero, entre o 18 e o 25 de decembro:

Uns 60 negocios de Vimianzo participan activamente na sensibilización contra a violencia de xénero. E fano a través de mensaxes nos establecementos e repartindo 4.000 sobres violetas, dos que máis de 1.400 levan un agasallo para desfrutar en establecementos participantes na campaña. Os sobres conteñen citas, artigos de leis, frases empoderantes, etc.

Concentración do 25N

Para o 25N, o Concello ten preparado un acto que consistirá na formación dun lazo xigante de cor violeta dentro dun cadrado negro. Serán integrantes do tecido asociativo, rapazada dos centros educativos e outras persoas que se acheguen, as que conformarán este debuxo humano, realzado con paraugas.

Co obxectivo de participar de maneira activa contra esta lacra e de seguir loitando de forma unida para que o lema «NIN UNHA MÁIS» se faga real e efectivo, o Concello de Vimianzo invita a toda acomunidade para que o 25N acuda a esta concentración, que terá lugar na praza do Concello ás 12:00 horas, con vestimenta negra e provistos dun paraugas de cor negra.