Vimianzo estará presente en Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico

1 minutes read

O Concello de Vimianzo participará novamente no Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, que se celebra do 9 ao 13 de novembro en Ourense. Será o vindeiro mércores, de 14:45 a 15:30 horas, e realizarase unha degustación no espazo reservado para Festas de Interese Turístico.

Será, doutra volta, da man do cociñeiro local Fabián Mouzo, que elaborará dous pratos: os callos da Faguía de Carnés e un pincho irmandiño, en relación ao Asalto ao Castelo. Ambas están recoñecidas como Festas de Interese Turístico Galego e a que conmemora a Revolta Irmandiña, o Asalto, cumpriu neste 2022 vintecinco edicións.

Desde o Concello aseguran que a participación en Xantar “é un privilexio, porque contribúe a posicionar non só o que temos a nivel patrimonial, tamén unha gastronomía moi vencellada á nosa cultura e a dúas celebracións que son das máis relevantes a nivel galego”.