Vimianzo estreará a súa área de autocaravanas en Semana Santa

1 minutes read
  • Habilitada na contorna do campo de fútbol, pretende dar «resposta ás necesidades desta maneira de viaxar”, sinalan desde a Alcaldía

O Concello de Vimianzo estreará en Semana Santa a área de autocaravanas habilitada na contorna do campo de fútbol. Con once prazas, esta área pretende «dar resposta ás necesidades desta maneira de viaxar» tal e como sinalou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, tras observar un «crecemento na preferencia do turismo itinerante». Á inauguración do proxecto, celebrada este sábado, asistiron todo o equipo de goberno e o presidente da Asociación de Autocaravanas de Galicia, Eugenio Cabanas.

Entre os traballos que se executaron atópanse a dotación de puntos de auga, a limpeza e a colocación de sinalización para a correcta ubicación da zona. Estes últimos detalles teñen unha particularidade xa que cada praza conta cun código QR personalizado e adicado a un punto destacado do Concello de Vimianzo como o Castelo, o Pazo de Trasariz, a ruta dos Dolmens ou o porto de Cereixo, entre outros. Tamén se proxecta a creación dunha área de recreo na parte baixa.

O Concello de Vimianzo continúa así a súa aposta polo coñecemento do patrimonio histórico e cultural, un dos máis ricos da Costa da Morte.