O Concello de Vimianzo organizou este domingo, a Festa das Vimiletras, que comezou ás 17:00 horas na praza do Concello e ata as 21:00 horas.
Houbo inchables, animación, música, teatro e mesmo obradoiros de tatuaxes e globoflexia. Un dos pratos fortes foi o “Cantaxoga”, executado por Migallas Teatro cun elenco que forman Carlos Yus, María Campos, Paco Dicenta, Paulo Nogueira e Celsa Cabaleiro. Trátase dun espectáculo de teatro e música onde os protagonistas interpretan cancións dos discos “Canta connosco!” e “Pan de millo”, acompañados por unha banda de pulgas e realizan pezas de vídeo cómicas relacionadas cos contidos das cancións.
Entre outros obxectivos, este espectáculo ten como finalidade demostrar que na lingua galega, ademais da música tradicional, teñen cabida todos os estilos e tendencias musicais, desde o rock ata a cumbia, pasando pola rumba ou o reaggae. Toda unha oda á lingua galega.