A Sala de Conferencias da Casa de Cultura de Vimianzo acolleu un programa formativo sobre inclusión dirixido á monitores de campamentos co obxectivo de que os nenos e nenas con algún tipo de discapacidade poidan interactuar en todas as actividades de xeito integral.
A edila de Vimianzo, María José Pose, mantivo a pasada semana unha xuntanza con representantes da Confederación Galega de Personas con Discapacidade (COGAMI) e a Confederación Coordinadora Estatal de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica de España (COCEMFE), na que se acordou que, durante este mes xuño, COGAMI se encargaría de formar aos 17 monitores e monitoras dos campamentos que se van realizar durante este verán no municipio soneirán.
A estes campamentos asistirán menores do servizo de atención temperá que xa contan cun monitor especializado en educación especial, aínda que dende COGAMI o que se pretende é que este grupo estea incluído co resto das nenas e nenos para que poidan participar nas actividades de maneira conxunta e global.
Así, un total de 17 persoas participaron este xoves nunha sesión impartida pola técnica da Unidade de Apoio de COGAMI, Yaiza Somorrostro, de 11 a 13 horas, quen fixo fincapé na necesidade de actuar de forma global e sempre fomentando a inclusión integral.
Así, a primeira das actividades consistiu principalmente en definir o significado da palabra ‘discapacidade’ e os tipos que existen da mesma, sen deixar nunca de lado o máis importante: coñecer a persoa para adaptarse ás súas necesidades e peculiaridades.
Durante as seguintes horas as persoas asistentes tamén recibiron propostas de actividades enfocadas ao ámbito lúdico pero, sobre todo, ao da aprendizaxe para apostar por un campamentos de verán de integración e de inclusión, é dicir, onde participen e interactúen todos os nenos e nenas.
Ademais, desde COGAMI deron algúns tips específicos para que os monitores perdan o medo a traballar con persoas con discapacidade e ter unha visión máis global. Neste caso, fíxose máis fincapé en consellos para establecer unha mellor relación coas persoas con trastorno do espectro autista (TEA).
A edila María José Pose destacou que esta formación é “moi necesaria porque sempre se pode facer máis por facilitar unha mellor calidade de vida das persoas con algún tipo de discapacidade”. “Desde o Concello de Vimianzo consideramos moi importante contar cunha formación coma esta na que os monitores aprenderon consellos e tips para desenvolver aínda mellor o seu traballo pero, sobre todo, para poñer en práctica estratexias e accións globais que verdadeiramente poñan no centro as persoas con discapacidade para crear con elas, non só ao redor delas, un ambiente de inclusión total”, afirmou a concelleira.