Vimianzo | Goberno, Cáritas e Cruz Vermella unen forzas no Nadal máis solidario

Colaboración entre o goberno local, Cáritas e Cruz Vermella_Concello de Vimianzo

  • As entidades poñen á disposición da veciñanza un número de conta para realizar as doazóns con total seguridade

A pandemia do coronavirus segue afectando á celebracións e actos que se viñan realizado de forma continuada en varios concellos da Costa da Morte, como é o caso da Gala Solidaria en Vimianzo, celebrada polo goberno local xunto a Cáritas e Cruz Vermella.

Este ano, a administración e as dúas entidades abogan pola colaboración conxunta sen poñer en perigo a saúde das persoas xa que toda prevención “é pouca para frear esta pandemia mundial”, reza o escrito asinado este martes pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; a presidenta de Cruz Vermella, Rebeca Veiga e a directora adxunta de Cáritas, María Carmen Vázquez.

“Somos conscientes de que está sendo unha etapa con moitas dificultades para todas e todos a nivel xeral”, polo que as entidades e o goberno decantáronse por axudar “aos colectivos máis vulnerables nesta pandemia” facilitando un número de conta bancaria para facer as respectivas doazóns: ES51 2080 0082 4130 0007 3452.

Caixas solidarias
Aquelas persoas interesadas en colaborar con ambas organizacións dispoñerán de caixas solidarias para deixar os alimentos que consideren nas propias sedes, nas igrexas, supermercados, centros educativos ou na casa consistorial.