Vimianzo | Gran concentración en Baíñas tras a noticia do peche da sucursal de Abanca

Cedida

  • Este peche afectará a aproximadamente 700 persoas da zona, moitas delas persoas maiores que non saben desenvolverse coas novas aplicacións tecnolóxicas

Este mércores o Goberno local de Vimianzo coñeceu a desafortunada nova en referencia ao peche próximo da sucursal de Abanca en Baíñas. Para mostrar o seu rexeitamento, desde o Concello convocárase para a mañá deste pasado xoves unha concentración diante das oficinas en mostra do rexeitamento a tal peche. Decenas de persoas achegáronse ata a sucursal para mostrar o seu malestar e pedindo unha rectificación posto que é un servizo esencial tanto para o propio pobo como para os lugares da contorna.

«Estáselle permitindo a Abanca un desmantelamento total do rural» indicou a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, facendo fincapé en que o peche da única sucursal de entidade bancaria na parroquia «dificultará o acceso a un servizo esencial á arredor de 700 persoas que residen nesta zona do termo municipal» obrigando aos veciños, moitos deles persoas maiores, a desprazarse para poder retirar cartos, realizar calquera tipo de trámite. Ademais, a xente de avanzada idade «atoparase coa brecha dixital se necesita obter información ou asesoramento e só pode facelo de forma telemática, xa que non se desenvolven coas aplicacións móbiles», lamentou a rexedora.

O equipo de goberno local expresou que este tipo de trabas demostran «a ausencia absoluta de apoio ao rural e recriminou que a eliminación da oficina en Baíñas tamén afectará á economía da zona, xa que o pequeno comercio local deixará de contar cun servizo esencial para poder desenvolver a súa actividade».