Vimianzo habilita unha liña telefónica para prestar servizo psicolóxico á veciñanza

1 minutes read

Ante a aparición dun brote epidémico dunha enfermidade infecciosa como o COVID-19, as autoridades sanitarias e gubernamentais deben tomar medidas que limiten ao máximo a propagación da enfermidade e preocuparse por todos os aspectos derivados desta epidemia, que pode afectar a diferentes áreas da saúde.

Cada persoa reacciona de modo diferente a situacións estresantes. A situación de confinamento que estamos a vivir supón distanciamento social e aillamento, polo que as persoas poden experimentar ansiedade, preocupación ou medo.

Neste caso, o Concello de Vimianzo decidiu habilitar unha liña de teléfono para o tratamento destes casos. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destaca que “é moi normal presentar un cadro deste tipo nunha situación de confinamento. Tratemos de normalizalo o máximo posible, porque non é algo raro nin algo anómalo. Poñemos a disposición das nosas veciñas e veciños este número de teléfono, porque ademais de coidarse físicamente, tamén se hai que coidarse a nivel mental”, destaca a rexedora.

Por iso o Concello impulsa unha liña telefónica para prestar o servizo de atención psicolóxica á veciñanza. Este número estará dispoñible as 24 horas do día e será o 673 427 498. As persoas teñen garantido o anonimato, e este servizo será de balde.