O Concello de Vimianzo, dentro do IV Plan de Igualdade, segue apostando pola formación en materia de violencia de xénero a través da organización de diferentes obradoiros e actividades que teñen como obxectivo a sensibilización, concienciación e coñecemento sobre a materia entre diferentes sectores.
No seu camiño por dinamizar a Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero, o goberno local, a través da Axente de Igualdade municipal, Xiomara Lazo, impartirá unha serie de talleres formativos básicos dirixidos aos diferentes axentes e entidades que conforman a Mesa Interinstitucional de cara a, nun futuro próximo, poder establecer procedementos de actuación coordinados para unha rápida e eficaz intervención neste tipo de casos.
Estas formacións básicas sobre violencia de xénero terán unha duración de cinco horas e impartiranse en tres sesións, para tres grupos distintos, en diferentes modalidades: de xeito presencial, na Casa da Cultura, os días 13 e 16 de febreiro, e tamén de forma virtual entre o 14 e o 17 de febreiro.
Obradoiros dixiridos ao alumnado
Con motivo do Día Mundial da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemorou este sábado, día 11, o Concello de Vimianzo puxo en marcha unha serie de actividades sobre igualdade e referentes femininos en ámbitos como a ciencia e a investigación.
O primeiro taller desenvolveuse este venres no CEIP Plurilingüe San Vicenzo de Vimianzo. O alumnado desde 1º a 6º de primaria gozou de varias actividades impartidas en horario lectivo pola Axente de Igualdade municipal, Xiomara Lazo, quen tratou o tema dos estereotipos e a necesidade dunha ruptura. Nesta ocasión, e previa visualización dun vídeo introdutorio, as nenas e nenos tiveron que completar unha sopa de letras das profesións que poden ser desenvolvidas indistintamente por homes e mulleres.
A segunda das actividades consistiu nun xogo de fichas sobre mulleres científicas, escritoras ou tecnólogas, entre outras. Ademais, ao final do obradoiro o alumnado tamén desfrutou dun vídeo sobre o ‘efecto Matilda’.
Formación en materia de igualdade por motivo do 8-M
O vindeiro mes, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, será a quenda do alumnado do CEIP Baíñas, quen tamén poderá aprender, dun xeito dinámico, sobre mulleres traballadoras que foron referente na loita polos seus dereitos así como na preservación do medio ambiente.
Desde o Concello confían en que este tipo de obradoiros se manteñan durante os próximos meses xa que “é necesario traballar esta temática con información e ferramentas actualizadas e, sobre todo, sabendo que é preciso unha maior involucración no ámbito educativo para poder facer fronte á este tipo de violencias”.