Vimianzo impulsa un programa para descubrir o Camiño de Santiago a través do deporte

2 minutes read
  • Este venres presentarase na Casa da Cultura o proxecto, no que tamén colabora o Club Triatlón Costa da Morte

Descubrir a historia do Camiño de Santiago a través do deporte e a cultura. Esa é a idea principal dun programa que se presentará este venres, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo. Un mapa con todas as rutas que levan ata a capital de Galicia e que será explicado por membros do Concello e do Club Triatlón Costa da Morte, entidades organizadoras do proxecto. Por parte do goberno local acudirán a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; por parte do Club estará o seu presidente, David Calzas, e tamén acudirá Alberto Cacharrón, aventureiro, historiador e escritor.

Vimianzo é un dos municipios galegos máis vencellados ao Camiño debido á influencia cultural do gravado no tímpano da igrexa de Cereixo, onde se pode contemplar a primeira escultura do traslado do corpo do Apóstolo a Galicia. «Un fito moi singular», afirman desde a Alcaldía, xa que «só hai outros tres casos: unha moeda atopada no Grove e outras dúas representacións en Lérida e Navarra».

Esta idea baséase principalmente en dúas obras: El camino de las estrellas (público xuvenil) e Iter Sancti Iacobi (público adulto). Así, o 7 e 8 de abril en Vimianzo desenvolveranse estas charlas por grupos e por idades. O xoves será o turno dos maiores de 18 ás 20:30 horas, mentres que o venres a primeira sesión será para nenos de 12 a 15 anos; ás 11:00 horas irán os rapaces de 16 a 17 anos e ás 18:00 horas os pequenos de entre 9 e 11 anos. Cada sesión terá unha duración de hora e media.

Exposición fotográfica

Por outra banda, desde o 8 de abril a Sala Antón Mouzo acollerá 25 confeccións fotográficas de Alberto Cacharrón sobre as súas viaxes polos Andes, o Sáhara ou os Alpes.