Vimianzo impulsa unha nova edición do Concurso Infantil de Postais de Nadal

1 minutes read

O Concello de Vimianzo vén de abrir o prazo para participar no Concurso Infantil de Postais de Nadal, no que poderán participar, ata o 12 de decembro, nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria con catro categorías e dous premios para cada unha, consistentes en material didáctico ou libros de lectura.

O tema dos debuxos será “Vive o Nadal en Vimianzo” e a técnica será libre, exceptuando as purpurinas, algodóns e as tintas metálicas, que non serán admitidas. As dimensións máximas do soporte serán 210×297 mm (A4). O formato da imaxe será libre sempre e cando estea contido dentro do formato axeitado e por unha soa cara.

Non se admitirán os traballos pregados, e no reverso da obra indicarase o título do traballo, nome e apelidos do autor ou autora, idade, curso e nome do centro escolar. Non se admitirán traballos sen asinar ou que se acheguen noutro lugar diferente ao especificado. Concretamente, será na Casa da cultura de luns a venres en horario de 10:00 a 20:00 horas e o sábado de 10:00 a 13:00 horas.

O fallo do xurado darase a coñecer o 16 de decembro e a entrega de premios realizarase ese mesmo día nun acto público na Casa da Cultura. Todas as obras serán exhibidas na Sala de Exposicións Antón Mouzo.