Vimianzo | Inaugurada a mostra ‘Ons soa’, de Paula Ballesteros-Arias

1 minutes read
  • A exposición poderá visitarse ata o 28 de febreiro na Sala de Exposicións Antón Mouzo da Casa da Cultura

A Sala de Exposicións Antón Mouzo da Casa da Cultura de Vimianzo acolleu este xoves a inauguración da mostra fotográfica Ons soa, unha recompilación de imaxes de Paula Ballesteros-Arias producida pola MICE, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. Ao evento acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; o membro da coordinación técnica da exposición, parte do equipo do Museo do Pobo Galego, David Conde; e a comisaria da exposición, Paula Ballesteros-Arias.

Ballesteros desenvolveu este traballo para INCIPIT, o Instituto de Ciencias para o Patrimonio do CSIC entre 2009 e 2013, con outros materiais que a etnógrafa foi aportando desde finais dos 80 ata o 2016. Co achegamento á vida cotiá a través das pegadas dun pasado que nos remonta á prehistoria, así como as testemuñas das persoas que residen na illa no momento da investigación, a autora pensou esta escolma «como un relato autoetnográfico, resumindo as súas inquedanzas e impresións sobre o patrimonio cultural das Ons».

A mostra poderá visitarse ata o 28 de febreiro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.