O Concello de Vimianzo celebrou este sábado a inauguración oficial do seu renovado campo de fútbol municipal, que tras a remodelación integral das instalacións pasa a chamarse ‘Irmandiño’.
O acto contou coa presenza da alcaldesa, Mónica Rodríguez, o portavoz do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, o deputado de Deportes, Antonio Leira, ademais de concelleiros e concelleiras da corporación municipal e representantes das directivas do Soneira SD e o CD Baíñas.
A actuación, cun orzamento total de máis de 500.000 euros, foi financiada nun 70 % pola Deputación da Coruña e o restante polo Concello. O investimento permitiu acometer a reparación integral das instalacións, mellorando de maneira notoria as condicións de xogo dos equipos deportivos locais.
Os presidentes da Soneira SD e do CD Baíñas foron os encargados de descubrir a nova estrutura metálica exterior coa silueta do concello e o nome ‘Campo Irmandiño’, acompañada das figuras dun xogador e dunha xogadora en sinal de vitoria. A continuación, a alcaldesa e o deputado provincial encargáronse de descubrir a placa conmemorativa.
Nese momento a rexedora mostrouse emocionada polo resultado da que é a primeira actuación nestas instalacións en 18 anos: “hoxe é un día moi especial para o deporte vimiancés. Presumimos de inaugurar unha instalación moderna, accesible e segura, pensada para dar o mellor servizo aos nosos clubs”. Ademais, puxo en valor “o compromiso do Concello de Vimianzo coa promoción do deporte en todas as idades e a mellora de infraestruturas”.
En relación co novo nome, Rodríguez salientou que “representa o orgullo da nosa historia e identifícanos como concello. Cada vez que os xogadores entren neste campo levarán consigo un anaco da nosa identidade”.
Pola súa parte, Leira reivindicou “a importancia de que as administracións sumen esforzos” para lograr obter resultados coma este, que permite que “os rapaces e rapazas da comarca dispoñan dun terreo de xogo de primeira categoría”.
Sobre a actuación
Entre as principais intervencións destacan a renovación completa do céspede artificial, que incorpora unha subbase elástica prefabricada en tolos e un céspede de última xeración. Tamén se actualizou a rede de drenaxe coa instalación dunha canaleta de formigón a ambas as marxes do campo, e modernizouse o sistema de rego.
O proxecto incluíu, ademais, a reposición da varanda perimetral, a instalación de redes recolle-balóns nos fondos do terreo de xogo e un novo xogo de porterías para fútbol 7.
A cantina municipal tamén foi reformada e ampliada, incorporando unha cuberta a unha auga con acabado en tella, un cerramento acristalado e a renovación dos aseos públicos.
Estrea do céspede
Manuel Pablo, ex-xogador do Deportivo da Coruña e actual adestrador do Fabril, foi o primeiro en saltar sobre o renovado céspede para realizar o saque de honra. A continuación deron comezo os encontros oficiais de liga das categorías base do Soneira SD: en fútbol 8 o benxamín xogou ante o C.F. Dumbría mentres na outra metade do campo o alevín se enfrontaba á U.D. Cerqueda. Posteriormente, o infantil xogou o seu partido de fútbol 11 ante a SD Coristanco.