O Concello de Vimianzo inaugurou a obra de renovación e humanización da Avenida da Gándara, execución contemplada no Plan Único da Deputación da Coruña e que se trata dunha realidade grazas á Comunidade de Montes Veciñais da Gándara, que cedeu os terreos para favorecer a intervención.
Renovouse o asfalto desta vía, instalouse novo mobiliario urbano e “supón un antes e un despois non só estético, tamén estrutural e de funcionalidade”, comentou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen presidiu o acto.

Acompañaron á alcaldesa os edís de Urbanismo e Ornato, Miguel Ángel Pérez e Manuel Pose, así como o presidente da Comunidade de Montes Veciñais da Gándara, Modesto Angües.
“Cando hai máis de catro anos entramos no goberno, fixémolo para que frutificasen este tipo de intervencións. Para cambiar as nosas comunicacións por estrada e para facerlle a vida máis fácil á veciñanza. Ás veces que as obras combinen melloras estéticas e funcionais non é doado, pero nese camiño estamos e temos moitas ganas de seguir mellorando Vimianzo”, lembrou a alcaldesa, quen quixo agradecer “tanto á Deputación da Coruña como á propia Comunidade de Montes Veciñais da Gándara, os verdadeiros protagonistas desta obra. Sempre que pase por aquí me lembrarei da súa xenerosidade”, subliñou a rexedora.