Vimianzo inicia a instalación das luces de Nadal, adxudicada previamente ao decreto do estado de alarma

Cedida.

  • O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, confía en que a colocación da iluminación sirva como “revulsivo para as compras nos comercios locais nesta época”.

O Concello de Vimianzo comezou a instalar as luces de Nadal. Como explica o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, “estes traballos iniciáronse xa co fin de cumprir co contrato, que foi licitado e adxudicado previamente ao decreto do estado de alarma e, polo tanto, á adopción das últimas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia”. O responsable da área sinala o “grande éxito” que tiveron as luces do ano pasado, e confía en que, se a situación sanitaria o permite, “isto sirva como revulsivo para impulsar as compras nos comercios locais durante esta época”. Pérez incide no compromiso do goberno local “co tecido comercial e hostaleiro do municipio, un dos sectores máis afectados pola crise económica da COVID-19”.

O executivo colocará elementos luminosos en todas as parroquias do termo municipal. No caso do núcleo urbano, os elementos de Nadal estarán situados nos seguintes puntos: praza do Concello, na contorna do Castelo de Vimianzo, na Casa Consistorial e na Casa da Cultura. A praza do Concello estreará, este ano, unha decoración diferente á doutras campañas. Ademais de pola estética e pola singularidade destas luces, o goberno local apostou, este ano, pola iluminación respectuosa co medio ambiente a través do emprego de sistemas que promovan a eficiencia enerxética.