Vimianzo inicia novos traballos de limpeza e adecuación da ruta dos dolmens

1 minutes read

O Concello de Vimianzo iniciou este mércores os traballos de limpeza e adecuación da ruta dos dolmens. A alcaldesa do municipio soneirán, Mónica Rodríguez, advirte que debido á climatoloxía deste ano, vénse na obriga de realizar estas tarefas con maior periodicidade, e o seu obxectivo é que os visitantes coñezan os tesouros patrimoniais da vila nas mellores condicións posibles.

Así, os operarios comezaron no dolmen de Pedra Cuberta, e irán realizando estas intervencións segundo a necesidade observada polos técnicos municipais. O incremento da humidade e a proliferación das especies autóctonas fan, neste verán, ter que ser máis constante neste sentido.

Desde o Concello tamén se avanza nunha nova campaña no Castro das Barreiras, e agárdase polo permiso de Patrimonio da Xunta de Galicia para poder realizar estas tarefas coa maior celeridade posible. “Este ano as peticións de visitas de familias e centros escolares incrementáronse nun 60%, e agardamos de preto a nova campaña que levaremos a cabo da man, como sempre, de Tito Concheiro”, concluíu a alcaldesa.