Vimianzo inviste máis de 180.000 mil euros na renovación de varios camiños rurais

2 minutes read

Vimianzo continúa coa súa aposta pola mellora dos camiños municipais no rural con varias obras enmarcadas no Plan de Rehabilitación de Camiños de zonas de concentración e reestruturación parcelaria.

Os traballos realizaranse no viario municipal de Moreira – As Lagoas (Carnés), onde se procederá á limpeza de gabias a ambas marxes e á mellora da capa de rodaxe. Ademais, aplicarase unha capa de cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma. A actuación completarase coa sinalización horizontal e vertical, co pintado de liñas en bordes e símbolos e colocación de dúas sinais de STOP.

No camiño municipal de Castro (Salto) procederase, do mesmo xeito, á limpeza de gabias a ambas marxes e á mellora da capa de rodaxe. Aplicarase unha capa de seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, con reparación previa dos desperfectos existentes. Contémplase tamén a canalización de 70 metros de tubaxe de polietileno e a execución de tres arquetas con sumidoiro. A actuación rematarase coa sinalización horizontal da vía.

Ambas actuacións contan cun orzamento de 91.445,10 euros e un prazo de execución aproximado de seis meses. Por outra banda, inclúese na mesma liña de axudas a reparación do viario de Cuadra a Bouza (Baíñas). Este camiño atópase, na actualidade, en xabre, sendo insuficiente para o tráfico de vehículos de gran tonelaxe. Por iso, faise necesario actuar, de maneira que se facilite o acceso ás instalacións agrícolas e gandeiras. Por último, completarase a actuación coa limpeza de gabias a ambas marxes e a mellora da capa de rodaxe.

O viario de Tines a Vilar, na actualidade, está en asfaltado e conta cun firme e ancho insuficientes para o tráfico destes vehículos. Por este motivo, procederase á limpeza das gabias a ambas marxes e á mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma.

Estas obras contan cun investimento de 89.894,92 euros e un prazo de seis meses para a súa execución.

O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, salientou que estas actuacións “son moi necesarias para as conexións do noso rural e para garantir o correcto acceso a todos os puntos” e, completou, “seguimos traballando para coidar e manter en boas condicións cada recuncho do noso municipio”.