- Coa substitución das luces conseguirase un aforro de máis do 50% para as arcas municipais
O delegado do Goberno, José Miñones, e a subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas, visitaron este venres Vimianzo para comprobar o inicio das obras de substitución do alumeado público, un proxecto que ascende a 2,3 millóns de euros e que conta cunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). Neste caso a entidade aportará o 80% do orzamento e o Concello o 20%, uns 472.000 euros, para conseguir aforrar máis do 50% na facturación.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, lembrou que este «ambicioso proxecto» contempla a renovación de máis de 4.000 puntos de luz e que se realizará por fases; conseguindo ademais mellorar a «imaxe e seguridade viaria en todas as vías do municipio». As novas instalacións LED serán máis eficientes e duradeiras posto que empregan o 95% da enerxía da luz, desperdiciando tan só un 5% en calor.
Pola súa banda, o delegado aproveitou para informar sobre as iniciativas do reto demográfico do Programa de Recuperación para pequenos concellos. Miñones agarda que se aproveiten estas oportunidades para «incrementar o desenvolvemento do rural, algo no que cremos o cen por cen».