O Concello de Vimianzo licita a adquisición de dous vehículos eléctricos, un camión grúa e unha furgoneta, por un valor superior aos 95.000 euros.
A licitación do camión, autocargante e con caixa aberta, é de 49.975, 42 euros; mentres que o da furgoneta ascende a 46.486,99 euros. Ambos os dous están subvencionados polo Fondo de Compensación Ambiental.
No caso do camión, o que se busca desde o Concello é dotar de medios materiais adecuados ao persoal con labores medioambientais co fin de que poidan realizar labores de prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco derivadas dunha xestión incompleta do medio natural do municipio.
Por outra banda, a adquisición da furgoneta ten como finalidade trasladar o persoal dun lugar a outro, empregando un medio de transporte respectuoso co medio ambiente e supoñendo un aforro económico, xa que na actualidade hai ocasións nas que é necesario alugar ditos vehículos.
Ademais, con esta actuación, o Concello de Vimianzo cumpre cun dos obxectivos marcados dentro do Plan de acción para o clima e a enerxía sostibles (PACES). En concreto, trátase da medida 2.1.1, consistente na substitución de vehículos por outros máis eficientes.