O Concello de Vimianzo licita as obras de mellora do viario do lugar de Romar, na parroquia de Berdoias, por un valor de 136.826 euros con cargo ao Plan Único da Deputación de A Coruña 2023.
En total actuarase nunha superficie de 1.870 metros cadrados na que se demolerá o firme existente para realización unha pavimentación de formigón con mallazo.
Previamente levarase a cabo a canalización de 360 metros de tubaxe para a recollida de pluviais coa instalación de 14 arquetas con sumidoiro e tres pozos. Tamén se realizará unha preinstalación de rede de saneamento mediante a colocación de 195 metros de tubaxe de PVC, nove pozos e as correspondentes acometidas aos domicilios para que nun futuro se poidan conectar á rede existente nas proximidades do lugar sen afectar ao pavimento proxectado.
A actuación completarase coa execución de dous muros de pedras graníticas de 30 e 10 metros de lonxitude, unha altura de dous metros e varanda metálica.
Ademais, prevese a ampliación da vía previa pavimentación con formigón para mellorar a circulación dos vehículos no interior do núcleo.
O prazo de execución das obras é de seis meses.