O Concello de Vimianzo licitou a terceira fase do paseo fluvial na contorna do rego de Cambeda con cargo o Plan Único da Deputación da Coruña, nun proxecto que contará cun orzamento inicial de 135.000 euros. O prazo de presentación de ofertas remata o 12 de maio de 2022.
Este proxecto é a terceira ampliación desta senda en dirección sur, de forma que chegue ata a Avenida de Fisterra e comunicalo coa beirarrúa mediante unha rampa de acceso peonil que salve o desnivel existente.
Preténdese, así, conectar o paseo fluvial coa zona urbana, tamén na zona sur, para que teña continuidade nas propias rúas do núcleo de Vimianzo. Por outra banda, o paseo gañará en dimensión e prestacións, e tamén dará un servizo a un maior número de habitantes, sobre todo nesta parte sur, que contará cunha alternativa moi atractiva para chegar ao centro do municipio.
Existen tres espazos nos que o paseo deberá cruzar sobre cursos de auga, e a modo de pequenas pontes: unha cruzará sobre a canle do Muíño da Agra; outra sobre o rego de Trasouteiro e unha terceira farao sobre o propio rego de Cambeda.
Colocaranse barandas de madeira, que serán idénticas ás xa instaladas nas fases anteriores, e que se situarán fóra da zona de servidume, entre o paseo e as fincas privadas. Por suposto, ditas barandas serán totalmente permeables o paso da auga.
Desde o goberno local insisten na necesidade de “realizar esta terceira ampliación dun proxecto que, cremos, será fundamental non só para o recreo e fomento dun estilo saudable entre a nosa veciñanza, tamén no ámbito infraestrutural, mellorando as comunicacións”, sinalan.