Vimianzo | Licitada a execución do proxecto de reparación de estradas en Boallo e Treos

1 minutes read

O Concello de Vimianzo licitou a execución do proxecto de reparación de estradas municipais nas parroquias de Berdoias e Treos, concretamente na estrada dos Petróglifos de Boallo, que conta con 560 metros de longo, e na estrada Treos-Colúns, cunha lonxitude de 1.420 metros.

Estará financiado con cargo ao Plan de Mellora de camiños municipais e conta cun orzamento próximo aos 60 mil euros. O prazo de presentación da oferta remata este 25 de marzo.

O estado actual das estradas obxecto deste proxecto é defectuoso, polo que se evidencia unha necesidade de mantemento. A actuación na estrada dos Petróglifos de Boallo consistirá na apertura e refino de caixa para a posterior construción do firme de zahorra. Contémplase tamén escavación das cunetas en ámbolos dous lados en toda a lonxitude da actuación, así como a instalación de tubo de 40 centímetros de diámetro para a formación das entradas ás fincas.

A actuación na estrada entre Treos e Colúns consistirá na apertura e refino de caixa para a posterior construción do firme de zahorra. Contémplase tamén a escavación das cunetas en ambas as marxes da vía.

O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, anota que “estas dúas intervencións permitirán unha mellora considerable no tránsito de vehículos de peso medio, así como maquinaria pesada, algo que demandaba a veciñanza das parroquias de Berdoias e Treos.”

Estrada dos Petróglifos de Boallo_Cedida.