Vimianzo | Licitadas as obras de drenaxe na vía que une Baíñas con Dumbría

Cedida

  • A estrada sofre asolagamentos cada inverno. Os traballos contan cun orzamento total de 220.000 euros

O Concello de Vimianzo licita o proxecto de construción dunha obra de drenaxe transversal e mellora da pavimentación na vía que une Baíñas e Dumbría, con actuacións tanto na súa plataforma como nos elementos de drenaxe. O orzamento destas intervencións ascende a 220.000 euros.

Nun primeiro momento prevese a construción dunha nova ponte sobre o rego das Touzas, así como a reparación do firme desta vía nunha lonxitude de 1.100 metros. Na actualidade o paso sobre a auga está resolto mediante un marco de formigón, conformándose un estreitamento do río neste punto que acaba provocando asolagamentos na zona durante a época de fortes choivas.

A prioridade do goberno local era «actuar xa neste outono», aínda que non se puido licitar o proxecto debido a que «non contabamos con todos os permisos, polo que non puidemos iniciar o procedemento ata que a parte administrativa quedase resolta», afirman desde o executivo.

Previamente á construción da ponte contémplanse acondicionar a zona levando a cabo tarefas de roza; demoler a obra de drenaxe existente e os muros de contención lateral da mesma; derruír a cuneta de formigón; retirar o firme da vía nunha superficie total de 182 metros cadrados e mover as terras tanto como sexa preciso para a cimentación. «O noso obxectivo é darlle solución dunha vez por todas a unha problemática que vimos arrastrando de anos atrás», afirmou o tenente de alcaldesa, Víctor Muíño.