Vimianzo | Licitado por tres anos o contrato de mantemento e reparacións urxentes

1 minutes read

O Concello de Vimianzo licita por tres anos o contrato de mantemento e reparacións urxentes por un valor de 160.000 euros cada anualidade, xa que debido á situación climatolóxica dos derradeiros meses faise necesario iniciar o antes posible o mantemento das pistas e elementos de drenaxe.

“Queremos que o noso concello, os seus 133 núcleos conten cunha imaxe apropiada. Que os accesos ás vías municipais e o resto de espazos estean en boas condicións”, argumenta o tenente de alcaldesa, Víctor Muíño, quen avanza que “a nosa intención é comezar xa en marzo”.

Así, os servizos que entrarían neste contrato serían o de saneamento e limpeza en áreas urbanas ou rurais; o procedemento de roza nos paramentos; o de reparación, mantemento e servizos asociados relacionados coas estradas municipais que comunican as 14 parroquias; de mantemento de árbores; de eliminación de maleza e roza; de poda de árbores e setos; de limpeza e tratamento de parques infantís, áreas recreativas e merendeiros; de limpeza e barrido de rúas e beirarrúas; de limpeza e baleirado de sumidoiros; de limpeza de pintadas e limpeza de aparcadoiros, así como a limpeza de prazas públicas.

Víctor Muíño, insiste na necesidade “real en todo o termo municipal de garantir para a veciñanza unha cobertura total deste tipo de servizos, imprescindible para que os espazos públicos de Vimianzo conten coas condicións axeitadas durante todo o ano, máis despois dunha época de chuvias como a que estamos a vivir”.