‘Vimianzo M.O.L.A: un castelo de lenda’ encherá a vila de muralismo, oralidade, literatura e arte

7 minutes read

O castelo de Vimianzo acolleu a presentación de ‘Vimianzo M.O.L.A’, un proxecto que conta co apoio da área de Turismo da Deputación e que se desenvolverá do 4 ao 6 de setembro. No acto participaron o vicepresidente, Xosé Regueira, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.

O vicepresidente sinalou que «este edificio no que nos atopamos naceu para a defensa, pero hoxe é importante que se democratice e se converta nun espazo de encontro, cultura e democracia. Iniciativas como esta axudan a recuperar e transmitir a memoria, porque coñecer o pasado fainos máis capaces de evitar que os erros e as inxustizas se repitan». Neste sentido, apuntou que «ese discurso de que antes se vivía mellor, é mentira. Temos o deber colectivo de preservar e transmitir a memoria».

Regueira referenciou a Manuel Rivas afirmando que a Costa da Morte é un «parque temático en positivo»: unha terra con talento, con persoas que crean, emprenden, traballan e xeran riqueza. E proxectos como este son unha oportunidade para compartir ese talento coa sociedade.

«Desde a Deputación é un pracer apoiar iniciativas que unen cultura, memoria e dignidade, e que dan protagonismo á escrita, ás artes plásticas e á artesanía. Este castelo é propiedade do pobo galego e é importante que estea ao servizo da cidadanía» engadiu. Ademais, o vicepresidente puxo en valor o papel «esencial» da Deputación, xa que «a maioría dos eventos cultirais, sociais ou deportivos da provincia non sobrevivirían sen o noso apoio económico».

Pola súa banda, a alcaldesa destacou a segunda edición de Vimianzo MOLA 2026 como unha aposta por consolidar o municipio como referente cultural na Costa da Morte, especialmente arredor da literatura. O programa combina libros, artes plásticas, teatro, música e cultura urbana, cunha programación para todas as idades e co desenvolvemento dunha Feira do Libro no Castelo do 4 ao 6 de setembro. Tamén se porá en valor a memoria histórica local, coincidindo co centenario da toma do castelo polo pobo e o Goberno republicano, e contarase con escritoras e escritores galegos de recoñecido prestixio xunto con numerosos autores e autoras da Costa da Morte.

Mónica Rodríguez salientou ademais a importancia da participación cidadá e da arte urbana, con murais e obradoiros que levarán a cultura ás rúas e deixarán un legado artístico permanente en Vimianzo. A alcaldesa presentou o festival como unha oportunidade para reivindicar o talento local, dinamizar a vila e achegar a cultura á veciñanza, agradecendo o apoio da Deputación da Coruña. O obxectivo final, sinalou, é converter Vimianzo MOLA nunha cita cultural anual de referencia e nun motivo máis para visitar, coñecer e vivir Vimianzo.

Programación
Nesta segunda edición, Vimianzo M.O.L.A. volve artellar a súa programación arredor das súas catro grandes liñas: murais, oralidade, literatura e artes. Será este un ano con diversos estilos, xéneros e disciplinas cunha atención especial a dous feitos históricos ligados ao castelo de Vimianzo. Por unha banda, a toma do castelo polo goberno republicano da que acaba de cumprir 90 anos; pola outra, a revolta irmandiña de 1467, dous momentos nos que a cidadanía, ao igual que no Vimianzo M.O.L.A., tomaron o castelo de Vimianzo.

A proposta mantén tamén o castelo de Vimianzo como escenario da programación, con actividades que van dende a presentación e sinaturas de libros ata encontros entre escritores e escritoras, contacontos, monicreques, narración oral, música, visitas teatralizadas e unha feira de libros durante as tres xornadas, todo presentado e conducido pola xornalista vimiancesa de La Voz de Galicia, na súa edición en Carballo, Patricia Blanco.

As actividades para o público infantil e familiar incluirán contacontos e propostas de artes escénicas, coma o espectáculo da Cova das Letras Costureiriña Bonita, K’Paparota con Latexos, David Acera con ¿Por qué los pájaros no tienen rey? ou a instalación de monicreques autómatas de Trécola Producións, Kinétiko. O público adulto tamén poderá desfrutar da narración oral con Vero Rilo e o seu espectáculo Lavandeiras.

Un dos eixos desta aposta serán os clubes de lectura infantil e de adultos, que terán sesións previas na Biblioteca Municipal e finalizarán xunto aos autores e autoras no Vimianzo M.O.L.A.: María Canosa e o seu libro Lobo Ramón no infantil, e Punto de Araña, de Nerea Pallares no adulto.

Unha programación para vivir o castelo e a literatura

Durante as xornadas principais do festival, o castelo de Vimianzo acollerá unha ampla programación que combinará literatura e artes escénicas. O venres 4 de setembro, a programación incluirá unha presentación literaria (Julio Romero Suárez presentará A Primeira Dama), contacontos (de Pedras de Cartón, Os Contos de Shakespeare), monicreques (A Cova das Letras) e Conversas a pé de páxina con dúas das escritoras galegas máis importantes do momento, María Oruña e Arantza Portabales.

O sábado 5 de setembro estará marcado tamén pola actividade literaria e familiar, coas sesións finais dos clubs de lectura xunto ás autoras María Canosa e Nerea Pallares (o seu libro, Punto de Araña, localizado en Camariñas, é un dos fenómenos editoriais deste ano), contacontos (a cargo de K’Paparota Teatro), sinaturas de libros (coa escritora e mestra Guadalupe Vázquez Formoso), unha instalación familiar de monicreques autónomos da man de Trécola Producións e unhas novas Conversas a pé de páxina, nesta ocasión co escritor e político vimiancés Alberto Lema e a escritora da Costa da Morte Rosalía Fernández Rial.

A xornada completarase cunha proposta musical sobre os seis poemas galegos de Lorca a cargo de Benxamín Otero e Rafa Fernández e cunha visita teatralizada nocturna dos Quinquilláns.

O domingo 6 de setembro continuará a programación con visitas teatralizadas dos Quinquilláns (en dúas sesións, mañá e tarde), a presentación do libro Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela xunto ao seu autor, Manuel Canosa Trillo, e tamén a do xornalista da TVG Alberto Mancebo, que falará do seu traballo Os tres nomes de Sartegua, xunto á tamén xornalista Ana Gayoso. O público familiar poderá desfrutar do contacontos ¿Por qué los pájaros no tienen rey?, de David Acera, e o adulto da sesión de narración e música de Vero Rilo, co seu espectáculo Lavandeiras.

A última Conversa a pé de páxina terá lugar entre Montse Fajardo, Luís Sánchez e Luís Lamela, e estará centrada nos actos e consecuencias da toma do castelo e na represión franquista en Galicia. A última firma de libros será a do autor vimiancés José Pardiñas Alvite, que estará asinando En Vísperas de Nada.

Ao longo das tres xornadas, o recinto do castelo contará tamén cunha feira de libros, que estará aberta desde as 18:00 horas, ofrecéndolle ao público a oportunidade de coñecer e adquirir todas as obras da programación e achegarse directamente ao mundo editorial e literario.

Murais e creación artística nas rúas de Vimianzo

A dimensión artística do Vimianzo M.O.L.A. volverá saír tamén dos espazos culturais para ocupar as rúas da vila. Nesta edición, Cristian F. Caruncho encargarase do Mural XXL, que comezará o 24 de agosto na rúa Rosalía de Castro, número 7, ampliando así a presenza da arte urbana no espazo público.

Tamén se desenvolverá un mural colaborativo os días 27 e 28 de agosto, en horario de 11:00 a 15:00 horas, destinado a rapazas e rapaces de entre 8 e 16 anos. A actividade busca fomentar a participación da mocidade na creación artística e o sentimento de pertenza ao espazo público. As persoas interesadas poderán inscribirse na Casa da Cultura, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ata o 22 de agosto.

Deste xeito, o festival volve establecer un diálogo entre o patrimonio e a creación contemporánea: entre as pedras do castelo e os muros da vila, entre os libros e a palabra, e entre a creación profesional e a participación cidadá.