O Concello de Vimianzo renovará un viario en Santa Comba de Baíñas, cunha lonxitude de 205 metros mediante pavimentado de 12 centímetros de formigón delimitado con franxas laterais de adoquín, sobre unha base de 10 centímetros de zahorra. Os traballos terán un orzamento total de 62.074,11 euros con cargo ó Plan Único da Deputación da Coruña.
Dentro dos traballos previos, demolerase o pavimento existente e para a correcta recollida de pluviais executarase a instalación dun cazo de 30 centímetros de ancho con lousas de granito, a apertura dunha zanxa e canalización de 205 metros de tubaxe de PVC, así como a conseguinte instalación dos correspondentes pozos con sumidoiro.
O edil de Obras, Miguel Ángel Pérez, destaca desta intervención que “responde á demanda das veciñas e veciños da zona, e continuamos executando proxectos para dotar de servizos de primeira necesidade zonas nas que non os había, como neste caso a recollida de pluviais e os pozos de sumidoiro”, concluíu.