Vimianzo mostra o potencial do seu patrimonio en Portugal dentro do programa ‘EuSave’

Programa EuSave en Portugal_Concello de Vimianzo

  • O obxectivo nesta edición é deseñar novas estratexias de desenvolvemento conxunto para vilas históricas, intelixentes e sustentables da Unión Europea

Vimianzo exporta o seu potencial patrimonial no quinto evento internacional EuSAVE que se celebra estes días en Portugal. O principal obxectivo desta iniciativa nesta edición é deseñar novas e innovadoras estratexias de desenvolvemento conxunto para vilas históricas, intelixentes e sustentables da Unión Europea.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, inaugurou a sesión deste mércores xunto a Luis Vitorino, presidente do Municipio de Marvão e Carlos Nogueiro, secretario executivo da Comunidade Intermunicipal do Alto Alentejo.

Rodríguez sinalou na apertura que «poder amosar e falar dos nosos recursos é un privilexio» e agradeceu a Rosa Sánchez, Roxana Topciov e ao departamento de Turismo do Concello de Vimianzo o «inesgotable traballo durante todo o ano para poder facer realidade o estar hoxe aquí».

No programa EuSAVE participan 40 municipios rurais de menos de 10.000 habitantes de oito países diferentes: España, Italia, Croacia, Bélxica, Portugal, Bulgaria, Letonia e República de Macedonia. O obxectivo do proxecto é crear unha rede de vilas históricas europeas intelixentes que aumente a implicación e a participación dos cidadáns na vida socioeconómica das súas vilas, promovendo accións de compromiso social e definindo estratexias de desenvolvemento local baseadas nas oportunidades que ofrece o patrimonio cultural material e inmaterial deses territorios históricos, como activos para o crecemento rural intelixente, sustentable e inclusivo da UE.

Para asegurar a continuidade da rede máis aló da vida útil do proxecto, elaborarase un plan transferible e baseado na sustentabilidade. Este incluirá directrices sobre como identificar e formalizar os novos acordos de colaboración con outros municipios rurais europeos, e articulará un marco común de colaboración entre as entidades sociais do proxecto (membros da rede) do futuro.