Vimianzo, Muxía e Camariñas acollerán un cuarto obradoiro dual de emprego conxunto

Imaxe de arquivo dunha clausura dun dos obradoiros conxuntos_Cedida

  • ‘Camiño ao Emprego 2022’ arrincará o 19 de setembro co Concello de Vimianzo como promotor.
  • Formaranse 20 alumnos e alumnas en labores de revestimento e carpintería.

Aínda coa resaca da clausura, a pasada semana, do terceiro obradoiro dual de emprego realizado de forma conxunta entre os Concellos de Vimianzo, Muxía e Camariñas, as tres Administracións locais anunciaron este luns que levarán a cabo un cuarto proxecto de similares características: ‘Camiño ao Emprego 2022’. Trátase dun fito histórico, pois ningún concello ata o de agora fora quen de acoller catro obradoiros deste tipo.

A iniciativa, que contará coa participación de 20 alumnos e alumnas, desenvolverase de forma simultánea nos tres municipios, con Vimianzo como promotor. Os certificados de profesionalidade que se repartirán correspóndense cos de ‘Montaxe de mobles e elementos e carpintería’ e ‘Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción’.

A subvención para realizar o obradoiro concedéuselle ao Concello de Vimianzo por valor de 503. 987 euros, con cargo ao orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Así mesmo, concédense 30.000 euros para 20 incentivos á contratación laboral.

O taller comezará o 19 de setembro de 2022 e previsiblemente rematará en setembro de 2023. Ao longo destes 12 meses o alumnado realizará diferentes labores de revestimento e carpintería en diferentes localizacións destes concellos da Costa da Morte.

A rexedora de Vimianzo, Mónica Rodríguez, fixo fincapé nas posibilidades laborais que xeran este tipo de obradoiros ao ofrecer “unha ampla gama de saídas laborais” permitindo ademais que “os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos formativos para construír o seu futuro”. Todo isto co reforzo positivo de mellorar certos lugares e servizos das localidades, favorecendo a calidade de vida da veciñanza.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, subliñou que “este taller supón unha oportunidade laboral importante nos tempos que corren, e ademais outorga uns certificados que están moi ben valorados nos ámbitos relacionados con estes certificados”.

Pola súa banda, o alcalde de Muxía, Iago Toba, recalcou “o beneficio a nivel formativo que estes obradoiros lles outorgan aos participantes ao aprender novas competencias de cara a súa vida laboral, que á súa vez desembocan en novas posibilidades laborais”.