Vimianzo | Nova concentración contra o peche da sucursal bancaria de Baíñas

2 minutes read

A veciñanza vimiancesa sumouse este venres a unha nova concentración en sinal de protesta contra o peche da sucursal bancaria de Baíñas, diante da propia oficina de ABANCA. Por parte da corporación asistiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; os membros do equipo de goberno María José Pose, Víctor Muíño e Mario Andújar, e as edilas Marta Rei e Raquel Rodríguez.

O goberno local sinala que o peche da única sucursal de ABANCA na parroquia dificultará o acceso a un servizo esencial ás arredor de 700 persoas que residen nesta zona do termo municipal. A situación obrigará aos veciños e veciñas, moitos deles persoas maiores, a desprazarse para poder retirar cartos, realizar calquera tipo de trámite ou mesmo obter información ou asesoramento.

“Isto complica as opcións de retirar cartos e é un impedimento para realizar os múltiples trámites que se xestionan desde a entidade, unha situación que afecta ademais en maior medida ás persoas maiores e ás que non conten cun vehículo propio ou non poidan desprazarse nel cando o requiran”, sinalou a rexedora, Mónica Rodríguez.

“Ademais, a xente de avanzada idade toparase coa fenda dixital se necesita obter información ou asesoramento e só pode facelo de forma telemática, xa que non se desenvolven coas aplicacións móbiles”, incidiu.

O equipo de goberno expresou que este tipo de trabas demostran a ausencia absoluta de apoio ao rural e insiste en que a eliminación da oficina en Baíñas tamén afectará á economía da zona, xa que o pequeno comercio local deixará de contar cun servizo esencial para poder desenvolver a súa actividade.

Novas manifestacións

Desde os Concellos de Vimianzo, Zas e A Baña convocaranse novas concentracións tanto o vindeiro mércores, 25 de agosto, diante das respectivas oficinas, como o día 2 de setembro na Coruña, diante da sede central da entidade.

Unión á plataforma change.org

Desde o Concello de Vimianzo impulsouse unha recollida de sinaturas de maneira telemática contra o peche desta oficina bancaria a través da plataforma change.org, na que toda a veciñanza poderá amosar deste xeito o rexeitamento ao peche e o seu apoio á veciñanza afectada.