O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asinaron este venres o convenio de cooperación para a xestión con atención de visitantes, Mostra de Artesanía en Vivo e outras actividades do Castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín durante o 2021. A achega da Deputación sitúase nos 97.000 euros.
A xestión do servizo de atención de visitantes implica as obrigas por parte da Administración local da organización e supervisión dun servizo cualificado de atención a visitantes durante todo o ano e que permita, dun xeito controlado, converter o Castelo de Vimianzo e os Batáns de Mosquetín e os entornos naturais nun enclave turístico nacional.
O Castelo de Vimianzo é un dos conxuntos máis visitados da Costa da Morte. En canto ás visitas teatralizadas, contémplanse para a tempada alta, e tamén está previsto realizar visitas nocturnas, contado o éxito destes últimos anos.
Este plan de acción inclúe outras actividades para realizar ao longo do ano, ca fin de involucrar á poboación local e ás persoas visitantes. Está previsto levar a cabo un obradoiro de decorados medievais, un desfile de moda de liño, un obradoiro de maquetas de barcos, exposicións temáticas na cociña, palilladas no patio do castelo, roteiros a pé pola contorna do monumento, relatorios sobre os seus distintos aspectos e actuacións musicais e audiovisuais.
O conxunto etnográfico dos batáns e muíños do Mosquetín está delimitado polo río e pola elevación da estrada de acceso. En tempada alta elabórase un calendario de visitas guiadas e en tempada baixa pódense concertar,limitando este servizo á disposición dos recursos.
As actividades de dinamización e divulgación nos Batáns contemplan roteiros a pé pola súa contorna, relatorios sobre os seus diferentes aspectos, obradoiros de saberes tradicionais relacionados cos muíños e o bataneiado e actuacións musicais e audiovisuais.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que «para nós tanto o Castelo de Vimianzo como os Batáns do Mosquetín son unha referencia patrimonial e histórica da provincia. Seguiremos promovendo e facilitando a actividade artesá, unha maridaxe perfecta e que lle vén moi ben tanto ao patrimonio histórico como a actividade económica que se desenvolve en Vimianzo. Asinamos un novo acordo para seguir sendo responsables coa nosa historia e co futuro que supón a artesanía», concluíu.
Pola súa banda, a alcaldesa de Vimianzo agradeceu en primeiro termo «a implicación da Deputación da Coruña cos nosos bens patrimoniais, especialmente o Castelo e os Batáns. A sinatura deste convenio supón un novo paso adiante no compromiso tanto co noso patrimonio como coa nosa artesanía», incidiu.