Vimianzo | O Concello aumenta o persoal de servizos múltiples e albanelería

1 minutes read
  • Isto facilitará o mantemento e diversas melloras nas 14 parroquias do municipio

O Concello de Vimianzo mantén a súa firme aposta pola creación do emprego co pulo do plantel de servizos múltiples e albanelería que, por segundo ano consecutivo, desempeñará tarefas de mantemento e mellora nas 14 parroquias por un tempo de 11 meses, cando o usual era un máximo de tres.

O municipio soneirán conta cunha superficie de máis de 137 quilómetros cadrados, polo que require dunha ampla adicación en materia de mantemento de infraestruturas e servizos. Para dar cobertura a estas necesidades, o edil de Obras, Miguel Ángel Pérez, sinalou que é necesario «contar con equipos» e dotalos dos medios necesarios para «poder facelo dunha maneira óptima e cubrir todo o noso territorio, que por extensión é moi amplo».

Ás iniciativas conxuntas con Camariñas e Muxía polos obradoiros formativos súmase, por segundo ano consecutivo, a promoción do mantemento nas 14 parroquias coas tarefas de posta en valor do territorio por parte da Patrulla Verde, equipos de servizos múltiples e albanelería.

O incremento de persoal no primeiro equipo permite incrementar as intervencións nos espazos naturais (áreas recreativas ou ríos) durante catro ou cinco meses. A isto hai que engadir o persoal que se sumará ao plantel municipal por medio do PEL Emprego da Deputación da Coruña, así como o resto dos equipos.