Vimianzo | O Concello licita a pavimentación dunha parte do núcleo do Mouzo

1 minutes read
  • O proxecto está valorado en máis de 105.000 euros con cargo ao Plan Único da Deputación

O Concello de Vimianzo vén de licitar, por 105.576 euros e a través do Plan Único da Deputación da Coruña, o proxecto de pavimentación dunha parte do núcleo do Mouzo, onde se prevé tamén a instalación dunha rede de sumidoiros que conte cun sistema de recollida das augas pluviais.

Intervirase nunha superficie de 1767 metros cadrados, nun lugar onde o estado actual da rúa principal deste núcleo, así como na praza, co Cruceiro de Cruces no centro, é «defectuoso e evidencia a necesidade dunha renovación de pavimentos», sinalan desde o Concello.

A superficie de rodadura do acceso presenta partes con descontinuidades, fundimentos e algún bache que supoñen un inconvinte para o paso de vehículos e a súa seguridade. Así, procederase á pavimentación con formigón armado dunha das rúas principais, que parten desde a praza do cruceiro, así como a propia praza. Instalarase tamén un colector subterráneo para a condución do saneamento sen presión, un pozo de rexistro con peche de tapa circular con bloqueo e un sistema de reixa prefabricada con formigón para a recollida de pluviais. A actuación completarase con elementos de iluminaria LED, un banco de fundición e unha papeleira.