Vimianzo | O Concello licita o arranxo da fachada e cuberta da unitaria de Castromil

1 minutes read
  • As obras contan cun orzamento inicial de 45.000 euros e o prazo de presentación de ofertas remata o 30 de marzo

O Concello de Vimianzo acaba de sacar a licitación o proxecto de arranxo das estruturas da fachada e a cuberta da escola unitaria de Castromil, na parroquia de Salto. O prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro día 30 de marzo e conta cun orzamento inicial de 45.000 euros.

O obxectivo básico do proxecto é garantir unha boa impermeabilización do inmoble para paliar as entradas de auga no edificio. Con estas intervencións o Concello busca seguir unha liña de reforzo da mellora da eficiencia enerxética como xa se fixo noutras intervencións en inmobles deste tipo con anterioridade, como na escola de Reboredo.

Así, as fachadas rehabilitaranse dispoñendo dunha nova estrutura de panel metálico e introducindo un novo illamento térmico para que, dentro do mesmo, se poida minimizar o consumo eléctrico. Resolveranse con paneis de dúas cores para enfatizar o deseño tipolóxico do edificio e con diferentes tipos de paneis. Non se modificará a distribución actual, que conta con escaleira lateral e baños en ambas plantas. Estímase que o prazo de execución dos traballos será de tres meses.

O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, recoñece que a intención do goberno local é «seguir a liña de traballos que respecten a contorna, melloren os servizos e sexan respectuosos co medio».