Vimianzo | O Concello potencia o uso do paseo fluvial coa instalación de 75 luminarias

Paseo fluvial de Vimianzo_Cedida

  • Por motivos de aforro enerxético, e en compromiso co medio ambiente, as luminarias apagaranse ás 2:00 horas de luns a domingo

O paseo fluvial de Vimianzo conta con nova iluminación. O Concello acaba de concluír os traballos para instalar 75 luminarias nos dous tramos do percorrido peonil. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradece o «magnífico labor» do persoal municipal que realizou estes labores, cos que «se dá resposta a unha demanda moi recorrente por parte dos usuarios e usuarias». A rexedora confía que con estes elementos se incrementen as horas de uso deste paseo.

O pasado mércores procedeuse ao acendido da primeira fase da iluminación, e desde o Concello agardan completar a segunda estes días. Ademais, desde o goberno local sinalan que, por motivos de aforro enerxético e en compromiso co medio ambiente, as luminarias apagaranse ás 2:00 horas da madrugada de luns a domingo.