O Castelo de Vimianzo será testemuña do Desfile do liño este venres, ás 19:00 horas, nun acto que clausurará o compendio de actividades de Artesanía en vivo que se desenvolveu no patio de armas da fortaleza soneirá.
O acto será conducido pola xornalista vimiancesa Alba Mancebo e ao mesmo asistirá o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, as persoas que integran o goberno local e varios dos alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte.
A cita está organizada pola Asociación de Amigos do Liño de Galicia, que preside a artesá Carmen Riveiro, e na mesma participarán modelos vimianceses e de toda a comarca que se vestirán coas pezas elaboradas polas artesás de Vimianzo no castelo. As inscricións están dispoñibles na web municipal. A entrada será de balde ata completar o aforo.
A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, quixo resaltar “o traballo de todas as artesás que os 365 días do ano manteñen viva a esencia de Galicia, sin as que se entendería a nosa cultura e a nosa tradición”, subliñou, á vez que destacou “que todos os obradoiros que se celebraron no patio de armas do Castelo de Vimianzo estiveron cubertos, o que amosa o interese da nosa xente pola cultura e a tradición de Galicia”.
