Vimianzo | O goberno local insiste “a confrontación política non axuda a paliar os efectos da pandemia”

Mónica Rodríguez_Cedida.

O goberno local de Vimianzo insiste en que a confrontación política non axuda a paliar os efectos da crise provocada pola covid-19. A formación municipal solicitou o día 14 de novembro a realización dun Pleno extraordinario, polo que pretendían que fosen concedidas axudas ao tecido comercial como achegas nominativas ou de emerxencia social.

Intervención emitiu un informe entendendo que as axudas no Concello de Vimianzo en tanto en canto a emerxencia social xa están detalladas e reguladas, para dar cobertura ás necesidades básicas segundo o que determina a Ordenanza; as situacións de urxencia que poidan derivar para as familias e individuos pola situación da covid-19 estarían cubertas nesa achega.

“No caso de estimarse insuficientes estas axudas de emerxencia social, ou que non dan cobertura ás necesidades que se estiman necesarias polo Pleno da Corporación, deberá tramitarse o expediente oportuno, ben modificando a Ordenanza de emerxencia social ou ben creando unha nova liña de subvencións”, reza o informe.

En segundo lugar, no que se refire a subvencións nominativas, “parece moi complicado tramitar as axudas como nominativas, pois non se coñece de antemán o beneficiario, pois deben reunir unha serie de requisitos segundo a proposta de Adiante Vimianzo como sería o peche obrigado ou a perda de ingresos superior ao 40% dos ingresos obtidos durante o mesmo período do ano anterior. Isto soamente sería viable mediante unha liña de achegas por concorrencia competitiva onde as persoas que reúnan eses requisitos presente a solicitude”, continúa o informe.

Por outra banda, habería que modificar o anexo de achegas nominativas do orzamento en vigor, ademais da dotación económica e “dadas as datas nas que nos atopamos, sería difícil poder rematar a tramitación antes do 31 de decembro, polo que entrarían en vigor no ano 2021, que sería o exercicio a incluír as achegas nominativas, xa que o citado anexo de achegas non é prorrogable”, remata.

Desde o goberno local rógan que “non é quenda de facer política non só por tratar de levar a iniciativa, senón porque non pensan máis aló. Si é verdade que o 2020 remata en apenas un mes, esta situación está lonxe de terminar”, insisten, “algo que parece que non entenden desde Adiante Vimianzo”.

Con todo, desde o goberno local queren poñer de manifesto que “en ningún caso estivemos en contra desta proposta, porque a idea é a de axudar a todo o tecido comercial, e nós comulgamos con iso. Pero é preocupante por parte do señor Antelo a falta de planificación de cara ao futuro, e non imos permitir que se hipotequen as arcas municipais con propostas que, ademais da imposibilidade da súa execución, atenden máis a inteses partidistas que ao común, que é o benestar da veciñanza”, sinala a alcaldesa, Mónica Rodríguez.