Vimianzo | O Goberno ofrece solucións para facer fronte aos danos do temporal Karim

1 minutes read
  • A subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, reuniuse coa alcaldesa de Vimianzo e cos seus homólogos de Muxía, Camariñas, Cee, Dumbría e Ponteceso

Gran parte de Galicia quedou asolagada polo temporal Karim hai unha semana, e moitos concellos sufriron graves danos que supoñen un verdadeiro desembolso de cartos para o seu arranxo. Ante esta situación, a subdelegada do Goberno, Pilar López Rioboo, trasladouse ata Vimianzo para coñecer a situación nesta localidade e nas que se atopan arredor como Camariñas, Cee, Muxía, Dumbría ou Ponteceso.

Á esta xuntanza tamén acudiu María Dolores Gómez, a responsable de Protección Civil en Galicia, para explicarlles de primeira man aos rexedores e rexedoras dos diferentes municipios o procedemento técnico a seguir para reparar os danos e cales poden ser obxecto de protección económica segundo a normativa vixente. O prazo para presentar as solicitudes de axuda é dun mes desde o día seguinte ao de finalización do feito causante da situación de emerxencia, é dicir, a propia borrasca.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quixo agradecer a vontade das administracións implicadas neste proceso e fixo fincapé na importancia “do mantemento diario tanto en cunetas, sumidoiros e demais espazos» xa que estas actuacións que se realizan durante todo o ano «minimizaron o impacto do temporal».

Por outra banda, Sandra Ínsua e Iago Toba, rexedores de Camariñas e Muxía respectivamente, sinalaron que é moi importante a «celeridade» nos trámites para poder dar canto antes unha «cobertura técnica e económica».