Vimianzo | O «Lume» dominou aos Moscoso e á choiva en terras irmandiñas

Estaba todo minuciosamente preparado en Vimianzo para conmemorar unha edición moi particular do Asalto ao Castelo, que por motivos de seguridade covid non puido ser, pero será, terá que ser en 2022. En todo caso, Vimianzo non quedou sen festa, catro grupos de gaitas percorreron as rúas e locais de hostalería e un obradoiro para coñecer o proceso de transformación do liño deron vida á vila durante toda a xornada. Pola noite no Castelo, o espectáculo do Bruxo Queiman e a voz de Andrea Pousa -«Queiman e Pousa»- prometía e non deixou a ninguén indiferente, salvo aos deuses da choiva, que pelexaron para deter a revolta irmandiña, pero non foron quen. Baixo unha organización de libro, así como estritas medidas de seguridade, ás 22:30 horas deu comezo o espectáculo, máis de 200 persoas sentadas disfrutaron de danza, voz, acrobacias, pirotecnia, choiva e moito lume.

Este espectáculo serve como antesala da conmemoración do XXV Aniversario do Asalto ao Castelo de Vimianzo, que se desenvolverá, se o contexto acompaña, no 2022. O ceo vimiancés encheuse, ao final do mesmo, de fogos de artificio, facendo as delicias dos alí presentes.

Desde o Concello de Vimianzo agradécese “a todas as persoas que fixeron posible a celebración desta noite máxica, desde os actores e actrices, acróbatas, equipo técnico, músicos, e sobre todo á veciñanza, que se encheu de valor, como si doutra revolta irmandiña se tratase, para batallarlle á chuvia e gozar dun espectáculo único”, subliñaron.

Momento do espectáculo con lume.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha