Vimianzo | Obras de mellora na rede viaria de Baíñas e na de saneamento en Quintáns por 385.000 euros

PIXABAY

  • Os proxectos enmárcanse no Plan Único Adicional 2021 da Deputación da Coruña

Continúan as melloras nas infraestruturas municipais no concello de Vimianzo. Cunha achega de 385.025 euros, o Goberno local acometerá varias actuacións que se executarán en dúas fases dentro do Plan Único Adicional 2021 da Deputación da Coruña.

Na primeira atópase o acondicionamento da estrada en Santa Comba, na parroquia de Baíñas, que conta cun orzamento provincial de 62.074 euros. Na segunda (que acaba de ser aprobada no pleno da corporación local para ser incluída no POS+ Adicional 2021) enmárcanse as obras no acceso ao Sixto, que contarán con 162.990 euros, dos que 149.252 euros serán de achega provincial e 13.737 euros do Concello. Por outra banda, destinaranse 194.035 euros á creación da rede de saneamento no lugar Quintáns de Treos, dos que 174.034 euros serán aportados pola Deputación e 20.000 euros polo Concello.

«A mellora do acceso ao Sixto e da vía en Santa Comba permitirán incrementar a seguridade viaria nestes tramos, tanto para peóns como para o tráfico rodado» sinalou Víctor Manuel Muíño Ramos, primeiro tenente de alcalde, mentres que a configuración da rede de saneamento en Quintáns de Treos «dá resposta a unha vella demanda e garantirá o servizo de subministración ás persoas que residen na contorna». O Concello xa dispón dos terreos, augas e servidumes para a execución dos investimentos, así como das concesións e autorizacións administrativas.