Vimianzo | Obras de mellora na parroquia de Carnés

Supervisión de obras en Vimianzo_Cedida-Arquivo.

O Concello de Vimianzo xa comezou as tarefas de pavimentación da vía que une Campolongo e Riotorto, así como a reparación dun muro da Ponte de Campolongo, ambos traballos na parroquia de Carnés. As obras contan cun orzamento de 30.370,66 euros con cargo ao Plan Único 2022 da Deputación da Coruña.

Actuarase nunha estrada de 425 metros de lonxitude e 3,50 metros de ancho, mellorando a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, sobre 15 centímetros de grava e previo acondicionamento da explanación e bacheo con 15 centímetros de zahorra. Finalmente, contémplase a apertura de gabias e a limpeza das salvagabias para a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal, a roza da zona e a colocación dun sinal de STOP.

Muro da ponte

Tamén terán lugar as tarefas de reparación dun dos muros da marxe do río Riotorto na Ponte de Campolongo, mediante a execución dunha estrutura en pedra de 1,50 metros de altura aproveitando os elementos existentes. Ademais, contémplase unha partida de posta en seco a fin de evitar a contaminación do río durante a execución das obras.

O concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez, recalca a “relevancia” destas tarefas dado que se trata de “estruturas deterioradas polo paso do tempo” e con estas intervencións “o que pretendemos é preservar elementos moi importantes do noso patrimonio en conxunción coa dotación de servizos de gran relevancia para a veciñanza”.