Vimianzo | Os nenos e nenas do Vimiverán, premiados por Íntegro

1 minutes read

O Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo despediu este venres a segunda quenda dos campamentos Vimiverán nos que a rapazada puido achegarse máis ao coidado do medio ambiente grazas á iniciativa de reciclaxe Diversiplás de Íntegro.

Persoal da entidade achegouse a Vimianzo para recibir un lote de plásticos (envases e tapóns) coa numeración 2,5  e 6 resultado da recollida realizada durante estas últimas semanas polos nenos e nenas que participan nas actividades do Vimiverán. Agora, todo este material terá unha segunda vida grazas ás persoas usuarias de Íntegro.

Durante o evento de despedida, desde Íntegro fixeron entrega aos pequenos e pequenas dun mosquetón feito con plástico reciclado como premio por todo o traballado e aprendido.

Quen desexe colaborar con esta iniciativa de reciclaxe pode achegarse á Casa do Concello, onde está situado un colector.

A edil de Benestar Social, María José Pose, agradece a participación de toda a rapazada e das súas familias por “colaborar nesta iniciativa tan importante non só a nivel medioambiental senón tamén educativo”. “Este tipo de actividades, que ademais realizamos desde o Concello durante todo o ano con Íntegro grazas á súa excelente disposición, son moi necesarias e facilitan que a xuventude se vaia concienciando da importancia de coidar o planeta pero tamén de colaborar con entidades sociais como Íntegro’, afirma a concelleira.