- Os vimi-bonos contarán con 25 euros de saldo para gastar nos establecementos locais
O goberno local reuniuse co comercio e a hostalería de Vimianzo, de xeito telemático, para coordinar as accións de cara a campaña de Nadal e as rebaixas. O Concello adicará unha partida orzamentaria de 178.000 euros enmarcada nun programa de apoio e dinamización destes establecementos, que se mostran moi preocupados polo seu futuro.
Entre estas accións dinamizadoras atópanse os vimi-bonos, uns vales con 25 euros de saldo que poderán usarse nos establecemento adheridos desde o 16 de decembro. Esta axuda poderán solicitala ata o 23 do próximo mes todas as persoas empadroadas no concello e que teñan máis de 18 anos.
O lema da campaña será “Vimianzo medra contigo!”, e nos próximos días habilitarase un directorio web para aquelas empresas que desexan inscribirse e participar na mesma, se ben deberán estar rexistradas no departamento de Promoción Económica. As condicións acaecidas durante as últimas dúas semanas con motivo do peche perimetral decretado pola Xunta fai máis relevante, se cabe, impulsar unha campaña de Nadal “que acade o noso comercio e hostalería”, destaca a alcaldesa, Mónica Rodríguez.
Xunto á batería de medidas para fomentar as compras de proximidade tamén se continuará coa estratexia para o posicionamento en liña dos establecementos, unha medida que tivo boa acollida entre os presentes a ambas xuntanzas. Estará englobada nunha imaxe corporativa deseñada expresamente para este fin, con apoio técnico ao comercio de xeito individual para realizar unha campaña publicitaria completa. Tamén se deseñarán os vimi-rascas, cos que os participantes poderán optar a diversos premios.