Vimianzo presenta a XII edición do Duatlón de Reis con 120 deportistas inscritos

1 minutes read
  • A proba, que normalmente se celebra a comezos de ano, tivo que pospoñerse ata este domingo debido á situación sanitaria

O Concello de Vimianzo presentou este mércores a XII edición do Duatlón de Reis, un evento onde se darán cita 120 deportistas e no que as inscricións para participar se esgotaron en tan só dúas horas. A proba, que normalmente se celebra a comezos de ano, tivo que pospoñerse ata este domingo 25 de abril debido á situación sanitaria.

O comezo deste duatlón está marcado para as 10:30 horas e, como novidade principal, os participantes sairán de dous en dous seguindo o protocolo da Covid-19. Así mesmo, suprimiranse os servizos de vestiario e gardarroupa e só poderán acceder á zona de carreira os deportistas e persoal acreditado.

Como deportistas destacados, están inscritos nomes da talla de María Martínez, campioa absoluta feminina do XI Duatlón de Reis 2020; Mar Delgado, Gabriel Castiñeira, David Calzas ou Marcos Mallo, campión galego.

A presentación oficial tivo lugar no salón de plenos do Concello, e á mesma asistiron a alcaldesa da localidade, Mónica Rodríguez; o delegado da FEGATRI na provincia da Coruña, Amando Guerrero; o presidente do Club Triatlón Costa da Morte, David Calzas e Víctor Santos, técnico de Deportes da Administración local.