O Concello de Vimianzo e a compañía Xeal asinaron hai pouco máis dun mes un convenio de colaboración para poñer en marcha o programa “Conectando Corazóns”, unha iniciativa social pioneira destinada a combater a soidade non desexada e o illamento social no municipio. O acordo foi rubricado no salón de plenos pola alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a CEO de Xeal, María Couto.
A presentación oficial deste programa terá lugar o xoves 25 de setembro, ás 12:30 horas na Casa da Cultura de Vimianzo, nun acto no que estarán presentes tanto a rexedora como a responsable da compañía enerxética, así como o equipo de Benestar Social, encabezados pola concelleira responsable da área, María José Pose. Neste acto será onde se detalle as diferentes actividades que inclúe esta iniciativa.
Precisamente a edil vimiancesa destaca que “Conectando Corazóns é unha ferramenta fundamental para dar resposta a unha realidade que está moi presente na nosa sociedade: a soidade non desexada. Desde Benestar Social sabemos que non só afecta ás persoas maiores, senón tamén a quen, por diversas circunstancias, carecen dunha rede de apoio próxima. Este programa vai permitirnos estar máis preto, detectar antes as situacións de vulnerabilidade e acompañar ás persoas no seu día a día, que é o que realmente marca a diferenza”.
“Estamos convencidas de que esta iniciativa vai fortalecer o tecido comunitario de Vimianzo e contribuír a que todas e todos teñamos unha vida máis plena, baseada na compañía, na proximidade e no afecto”, incidiu Pose.
Un reto social de primeira orde
A soidade non desexada é xa considerada un dos grandes desafíos sociais do noso tempo. Diversos estudos sinalan o seu impacto negativo tanto na saúde física como no benestar emocional, situándoa mesmo como un factor de risco comparable ao tabaquismo ou ao sedentarismo. As persoas maiores e aquelas que residen en zonas rurais ou pouco poboadas son especialmente vulnerables, e precisan do acompañamento comunitario para manter unha vida plena e activa.
“Conectando Corazóns” nace co obxectivo de impulsar a atención inmediata, o acompañamento social e o desenvolvemento de actividades comunitarias dirixidas a persoas que se atopan en situación de soidade. O programa porá especial foco nas zonas máis afastadas e con poboación máis envellecida, co fin de garantir que ninguén quede atrás.
Atención temperá e benestar emocional
“Conectando Corazóns” suporá un impulso decisivo na promoción do benestar emocional de persoas maiores e colectivos vulnerables, facilitando unha detección rápida de situacións de vulnerabilidade ou deterioro da saúde. Deste xeito, permitirá activar os recursos sociais e sanitarios o antes posible, mellorando a calidade de vida e reforzando o acompañamento humano.