- Comezará o vindeiro 17 de outubro co roteiro Vieiro Fidalgo, un percorrido de 9 quilómetros
O Concello de Vimianzo presentou “Recunchos, outono 2020”, o seu novo programa de andainas que comezará o vindeiro día 17 de outubro co roteiro Vieiro Fidalgo, un percorrido de 9 quilómetros que conecta os lugares de Berdoias e Boallo.
O obxectivo destas actividades é poñer en valor o patrimonio natural e arquitectónico repartido por todo o termo municipal. Catro dos cinco roteiros desenvolveranse por camiños e sendeiros recuperados recentemente polo goberno municipal, desempeñando tarefas de limpeza e adecuación dos mesmos, moitos inclusive a petición dos gandeiros locais.
As inscricións poderán formalizarse na páxina web do Concello de Vimianzo e haberá un máximo de 24 participantes por guía. Será obrigatorio o uso da máscara e os participantes deberán trasladarse ao punto de inicio da andaina polos seus propios medios, pois todas as rutas son circulares.
