Vimianzo presentou os descubrimentos arqueolóxicos do Castro das Barreiras


O Concello de Vimianzo presentou os descubrimentos dos traballos arqueolóxicos que tiveron lugar no Castro das Barreiras. Xustamente este xoves, 1 de outubro, cúmprense dez anos desde que comezaran as prospeccións neste lugar único. Entre os descubrimentos, destácase a aparición dun vertedoiro cerámico con máis de 20.000 fragmentos; o feito de atopar escalóns na muralla; e unha vivenda de planta ovalada, que foi anulada polos poboadores e que implica un plantexamento urbanístico interesante.

O arqueólogo responsable do xacemento, Tito Concheiro, explicaba esta mañá que ‘as Barreiras é un castro con moita personalidade, e non hai prácticamente comparación con ningún que teñamos visto’, sinalou.

Dentro das cabanas castrexas, habitualmente atópanse os fogares, que son elementos moi fráxiles. Están compostos de pequenas caixas de pedra que conteñen dentro arxela, sobre as cales cociñaban, poñían brasas e se quentaban. Son elementos moi delicados. ‘Nós apostamos por tapalos o ano pasado, e desde o Concello decidiuse facer unha recreación dos mesmos para potenciar a explicación da vida do castro das Barreiras’, explicaba o arqueólogo.

A última parte do proxecto consistiu en retomar a liña do anterior, con estes tres fogares cun claro protagonismo. Presentan ‘unha das mellores cociñas preservadas do mundo castrexo, xa que se conservan o forno con dous espazos, un probablemente para cociñar e outro para quentarse’, explicaba Tito. ‘É un dos mellores elementos que existen na arquitectura de interior do mundo castrexo. Hai poucos como este’, engadía.

‘Fixemos, pois, unha recreación. Estes fogares non son os orixinais, que están debaixo. Tapáronse cun material xeo téxtil, de tal maneira que estamos a ver unha réplica, que ten que aguantar a climatoloxía e que axuda a entender a propia vivenda’, proseguía na súa explicación Concheiro.

Esta técnica empregouse en poucos castros, como no de Viladonga ou no de Baroña. No futuro poderíanse reconstruír incluso os pavimentos, que eran orixinariamente de arxela amarela. ‘Foi unha intervención moi boa, e gustounos particularmente que foran desde o Concello desde onde nos suxerisen esta posibilidade. ‘Isto quere dicir que os arqueólogos non estamos sós’, apunta o responsable dos traballos.

Escavouse, á súa vez, o sector máis próximo á muralla, que era un pouco a continuación do ano pasado, baixo dous obxectivos primordiais: por unha banda, regularizar a zona de escavación, e por outra, camiñar cara a muralla, porque ‘ o consideramos un dos elementos máis particulares deste castro’, incide Concheiro. O primeiro que apareceu foi un pano de muralla, xa consolidado. ‘Recrecemos unha ou dúas fiadas, de seguridade, coa mesma tecnoloxía e coa mesma apariencia que o orixinal’.

Unha muralla escalonada

A sorpresa da muralla deste castro das Barreiras, un dos grandes activos do xacemento, foi o seu escalonamento. Orixinalmente foi construída con escalóns, unha estrutura moi masiva. Na parte que está visible, logo dos traballos, presenta un chanzo, pero probablemente nalgún sector poida presentar ata catro ou cinco. En futuros traballos agárdase poder descubrir máis sobre esta particular estrutura, singular totalmente.

Aparecerán tamén os sistemas de acceso. ‘Posiblemente estes soportes que podedes ver están aguantando unha estrutura de madeira en forma de escaleira para acceder á parte superior da muralla. A cantidade de buratos de poste indícanos que este castro tiña moita construción de madeira’, sinalaba Tito Concheiro, responsable dos traballos.  

‘Eu na miña traxectoria profesional é o segundo vertedoiro cerámico que me atopo en Galicia’, recalcaba Concheiro, o que permite reconstruír a  produción oleira desde o século II a.C. ata que colapsa, na era galaico-romana.

Outra das novidades é que a cronoloxía sube, xa que existe un nivel superficial con material romano, non moi abundante pero que data desta época, e que se coñecen co nome de  tégula. Unha especia de tella plana que empregaban os romanos para cubrir, pero que utilizaban para moitas máis cousas, e outros elementos de cerámica común, como poden ser morteiros ou similares. Aparecen no nivel superficial. ‘Non sabemos si houbo unha ocupación episódica ou si tamén, que é posible, que houbese unha ocupación en época romana que resultase destruída polas labores agrarias que aquí na Idade Media seguramente, xa que eran moi intensas’, apunta Concheiro.

Recapitulando

A modo de conclusión:  temos material que nos leva ao século I d.C., que antes non o tiñamos. Despois apareceu outra casa, que nos indica que este urbanismo das Barreiras é único. Ao principio pensábase que non lles deu tempo a ocupar todo o espazo con vivendas, pero nada máis lonxe da realidade. Hai unha secuencia cronolóxica longa, que é unha estrutura urbanística razoada que responde a alago que teremos que ver no futuro. Ao lado da muralla hai unha serie de elementos construídos con elementos perecedeiros, e despois hai unha vía periférica que rodea ao poboado.

A particularidade da vivenda escavada nestes traballos é que foi desmontada por eles mesmos. ‘Aquí hai cambios grandes, unha vida moi dilatada no tempo e esta casa amortízana. Quere dicir que a reducen a cimentos e a tapan. Esta é unha das claves de porqué non nos apareceu material metálico este ano’, recalca Concheiro. ‘Aquí nas Barreiras, o material metálico, que é bastante bo e case todo ferro, aparece todo dentro das casas. Como a única casa que escavamos este ano foi esta, non atopamos dito material’, conclúe.

Por último, como apunte: as casas ovaladas colócanse co eixo largo en paralelo á muralla, presentándose como un sistema único e fascinante. Isto fai que o plantexamento urbanístico nas Barreiras sexa incomparable.

De cara ao futuro

O arqueólogo xefe nos traballos das Barreiras, Tito Concheiro, sinala que ‘por unha parte seguiría ampliando o poboado. Coa posibilidade de abrir un sondeo na muralla alta, coa posibilidade de poder compatibilizar as dúas intervencións,  ou senón directamente escavar na muralla’ apunta.

Na zona máis alta hai seis metros, e debe presentar catro ou cinco chanzos. O que se pretende saber é  como é a muralla cara fóra. ‘O máis monumental que ten este xacemento é a estrutura defensiva. Con este forro escalonado por dentro é algo espectacular’, incide Concheiro.