O Concello de Vimianzo presentou a súa programación cultural de inverno formada por 12 espectáculos de teatro, música, danza e circo para un público adulto e que se desenvolverán de xaneiro a maio no Auditorio municipal.
Á presentación destas novas propostas de artes escénicas celebrada na sala de conferencias da Casa da Cultura acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a de Benestar Social, María José Pose; e a técnica de Cultura, Nieves Lema.
A rexedora agradeceu “o apoio recibido pola Deputación da Coruña e a Rede Galega de Teatros e Auditorios Agadic da Xunta, ademais do Centro Dramático Galego, xa que fixeron posible este completo abano de espectáculos culturais de recoñecidas compañías”.
O inicio da programación está previsto para o último sábado deste mes de xaneiro, día 28, co espectáculo Flores de España da compañía nacional Los Sueños de Fausto. Aborda diferentes temáticas relacionadas coa memoria histórica, a posguerra, os bebés roubados durante a ditadura ou a entrada á democracia.
Programación
O 4 de febreiro Caxoto aterrará en Vimianzo con Don Carnal. Contos Desvergoñados que levará ao público a un tempo pasado onde se conxugaban mellor conceptos como luxuria, esmorga ou blasfemia.