O Concello de Vimianzo presentou a súa programación para a Semana da Biblioteca 2023, coa que se busca conmemorar o Día das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro.
A iniciativa, financiada a través do programa de dinamización da lectura ‘Ler conta moito’ da Xunta de Galicia, pretende animar á lectura desde as idades máis temperás.
As distintas sesións programadas están dirixidas ao alumnado dos centros educativos municipais e levaranse a cabo entre o 23 e o 24 de outubro na biblioteca municipal da Casa da Cultura e no Auditorio.
A vimiancesa Soraya Lema será a encargada de inaugurar a programación o luns, 23 de outubro, co seu espectáculo ‘Aitana e a avoa’. Serán dúas sesións nas que os dous grupos de educación infantil do CEIP San Vicenzo poderán descubrir cancións e xogos de tradición oral que teñen na memoria as nais e avoas. Desenvolveranse ás 10:30 e ás 11:30 horas.
O propio Día das Bibliotecas, martes 24 de outubro, comezará co espectáculo do mago Pedro Bugarín, que ofrecerá ‘Magia para todxs’ dunha maneira do máis dinámica, participativa e divertida. Neste caso, os destinatarios serán os alumnos e alumnas de educación primaria do CEIP San Vicenzo e CEIP Baíñas. Dará comezo ás 10:30 horas no Auditorio.
Os pequenos e pequenas do CEIP Baíñas, CEIP Castromil e da Escola Infantil Carantoña poderán gozar, a partir das 10:30 horas, dunha nova actuación da artista local Soraya Lema, quen volverá destapar os xogos e cancións das nosas maiores con ‘Aitana e a avoa’.
Ás 12:00 horas, Soraya Lema pechará a programación deste ano léndolle os seus ‘Contos Violetas’ aos cativos e cativas da Escola Infantil os Vimianziños. Desde o Concello de Vimianzo animan á veciñanza a achegarse á biblioteca municipal para descubrir as múltiples opcións de lectura dispoñibles, “para todos os gustos e idades”, apuntan.