Este sábado 18 terá lugar unha nova función dentro da programación de inverno con Mofa e Befa, que chega ao municipio no seu 30 aniversario con ‘Pirolíticos’. O dúo cómico actuará no Auditorio de Vimianzo ás 20:30 horas.
Ademais, a partir das 18:00 horas o pavillón municipal acollerá unha master class de zumba. O evento realízase a favor da Asociación Española de GRINpatías, polo que se pode colaborar na iniciativa doando por bizum co código 05093 ou en metálico ese mesmo día. Inscricións de balde no 653 748 434.
O domingo 19 será o día no que terá lugar a penúltima sesión da iniciativa A Costa da Vida con ‘De cando os animais cantaban’, de Carapaus e as Pandereteiras de Baíñas. A actuación terá lugar ás 13:00 horas na Casa da Cultura de Baíñas.
Pola tarde, ás 18:30 horas, será o turno do Mago Paco e o seu espectáculo ‘Ledicias 2.0’, enmarcado na programación de ‘Primavera en familia’. A función terá lugar no auditorio municipal da Casa da Cultura de Vimianzo.