- Será este sábado, na Casa da Cultura, a partir das 20:00 horas
O Concello de Vimianzo sumouse este ano ao proxecto ‘Cara a unha escena plural’, cuxo obxectivo é a mediación cultural que impulsa a circulación e a difusión da danza e artes vivas de carácter profesional de Galicia, facendo máis visible a danza entre os cidadáns.
Esta iniciativa está deseñada e coordinada por Caterina Varela e Sabela Mendoza, e conta co apoio da AGADIC e de diversos concellos e espazos escénicos en Galicia, como Vimianzo. Así, a Casa da Cultura da vila acollerá este sábado ‘Pioneiras’, unha peza de danza de iXa-Xián Martínez. Será a partir das 20:00 horas. Ao remate da función terá lugar un coloquio entre os asistentes e o elenco da compañía.
Por cada respiración, por cada bágoa e por cada pinga de suor. ‘Pioneiras’ mostra nun mesmo espazo infinitos tipos de mulleres, protagonizando o cliché e destruíndo o prexuízo sobre o xénero. Homenaxea ás pioneiras, esas que iniciaron a batalla pola igualdade, acompaña ás que seguen loitando e conmemora ás que non tiveron a oportunidade de vencer.
Entradas dispoñibles en woutick.es